Cruceiro da Fraga
Cruceiro da Fraga
Este cruceiro non é orixinario do lugar onde está, noutro tempo estivo ubicado no lugar do Meidelo, hoxe desaparecido pola mina (lago, posteriormente).
É un exemplar feito en pedra de serpentina ou toelo todo el. Aclarar que hai partes que foron engadidas, tamén que lle faltan parte das pernas ao Cristo, feito que ten relación co lugar onde está, A Fraga, e que os excesos das festas do San Iago, que alí se celebra cada 25 de xullo, desgraciadamente deixanse sentir onde non debería (cruceiro roto, fonte coa escultura pintada…).
PLATAFORMA:
O PEDESTAL:
O pedestal ten unha base cadrada duns 10 cm aproximadamente e o resto e do tipo tronco piramidal de base cadrada e rematado en bocel. Está feito en pedra serpentina, ou toelo (pedra de Moeche).
Das catro caras, dúas levan inscrición bastante lexible para un cruceiro de máis de cen anos. Comeza na cara anverso, a do Cristo e continua pola parte dereita do mesmo. A única parte que non está moi lexible é a das letras (dúas) que hai denantes da palabra OBISPO, poida que sexa SR(SEÑOR) ou outra abreviatura relativa a dignidade do obispo, se son outras letras.
A inscrición reza deste xeito:
EL SR? OBISPO DE
MONDOÑEDO
JUAN SOLIS CONCE
DE POR CADA SALVE Y
PADRENUESTRO QUE
SE RECE DELANTE DE
ESTE CRUCIFIJO 50 DÍAS
DE
INDULGENCIAS
- - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - -
SE HIZO A LA
DEVOCIÓN DE
FRANCISCO VELLO
AÑO DE 1908
O VARAL:
É un varal excepcional, xa que a metade inferior é de sección oitogonal, con inicio de sección cadrada; a outra metade superior é de sección cilíndrica con remate cadrado para insertar no capitel. Leva os símbolos da Pasión, de abaixo a arriba: escada (na sección oitogonal), martelo e tenaces (na sección cilíndrica). Como dixen é un caso único no concello pola forma da sección, tamén por que somentes leva tres símbolos da pasión (outros levan tamén os cravos e o flaxelo).
A CRUZ:
O que vin de primeira impresión foi unha cruz alta, delgada e de sección cilíndrica que levaba os brazos cortados en bisel paralelo. Mais ollándoa detidamente decateime de que non só lle partiron os pés ao Cristo, senón que tamén partiron a cruz por debaixo da peana que sosten á Virxe e por riba das testas das dúas imaxes. Asemade caín na conta de que é unha cruz nudosa, aínda que dos nos somentes ten uns pequenos abultamentos, xa que posiblemente tamén romperon na caída.
É triste ver como, unha vez máis, o vandalismo se leva por diante unha mostra do noso patrimonio (xa pouco respectado institucionalmente), se cadra porque quen ten a obriga de dar a coñecer o que temos non o fai. Teríamos que estar fachendosos da nosa riqueza patrimonial, da herdanza dos nosos devanceiros e conservar mellor o seu legado.
CRUZ ANVERSO, O CRISTO:
A primeira vista apreciamos un Cristo que ten as pernas rotas pola metade dos muslos, somentes asoma o inicio das pernas. Leva cartela rectangular vertical coa inscrición JNRJ. Leva cora de espiñas, cabeza inclinada cara á dereita, ollos pechados, barba (as faccións da cara están ben logradas e traballadas). Brazos curtos en proporción ao tamaño da cabeza, mans pechadas cun cravo en cada unha. Pano de pureza con cordón atada á dereita. E posiblemente (dedúzoo polo pouco que quedan das pernas) a perna dereita enriba da esquerda e cun cravo nos pés.
Na inscrición da cartela:
J N
R J
Chama á atención a letra I representada por un J.
CRUZ REVERSO, A VIRXE:
A Virxe é unha imaxe dunha Soidade que vai apoiada nunha peana semiesférica. Leva un pano que lle cubre a testa e todo o corpo. Vestido con pregues e brazos cruzados coas mans termando do pano, e non en posición de rezo como é habitual. O vestido chega ata á peana en non se lle ven os pés.