Cruceiro de Espiñaredo
Cruceiro de Espiñaredo
Cruceiro rexio, groso e forte; e, ao mesmo tempo, viaxeiro pois xa foi cambiado de lugar por mor das expropiacións de ENDESA. Primitivamente estaba situado no lugar do Portoferreiro e, hoxe, ao pé da Igrexa de Santa María e a carón da estrada As Pontes-Ferrol. Froito destes cambios son as fendas do capitel.
É un cruceiro de granito todo el e con feitura especial comparado cos outros do concello, pois as súas formas son únicas, leva imaxes moi suxestivas e expresivas. Pola erosión tamén podemos dicir que debe ter certa antigüidade en comparación cos outros. Se cadra algo frío na parte inferior ao non levar adornos nin ter un capitel axeitado ao tamaño do varal e da cruz. A atención céntrase nas imaxes do Crucificado e a Virxe.
Neste caso o Cristo non mira cara igrexa, como sería o habitual, senón que está ollando cara a estrada. (Os traslados non son moi axeitados). Xunto co cruceiro tamén foi trasladada a espadana da igrexa.
Ao parecer, este cruceiro estaba ao pé do cemiterio e cando os traslados, este puxéronno ao pé da igrexa e o que estaba preto da igrexa é o que hai agora no cemiterio. O motivo de dito troco non o coñezo.
O VARAL:
É cadrado e groso, posiblemente dos varais máis grosos dos cruceiros do concello. Vai achafranado nas arestas o que lle confire un aspecto de oitogonal, mais non deixa de ser cadrangular con chafráns. Os chafráns rematan en punta de frecha. Na parte inferior ou base do mesmo, como xa dixen leva molduras rectas.
O CAPITEL:
É un capitel cadrangular con molduras cadradas infeiores e superiores e, no medio, vai escociado.
Non é moi grande, senón máis ben pequeno. Se ollamos o ancho da sección do varal e o da cruz, diríamos que é un capitel pequeno e estreito. Case se pode confundir ou interpretar coma se fose unha continuidade do varal. O capitel vese que está roto e está atado con arames. (Voltamos ao caso dos traslados mal feitos e os danos irreparables que se ocasionan). Esta rotura apréciase mellor polo lado da cruz anverso (o do Crucificado).
A CRUZ:
É unha cruz grega, sólida e maciza, de brazos curtos e lisos, de sección cadrada e non achafranada e rematada en relevos de rosetas de oito pétalos nos extremos. É moi grosa, como o resto do cruceiro, e está potenzada (saínte cadrado) na súa parte inferior. Vese ben na fotografía do Crucificado, pois este apoia os pés nesta parte potenzada da cruz.
A cruz é outro dos elementos que difieren do resto dos cruceiros da zona que, normalmente, van achafranadas coma o varal. Neste caso non é así, conferíndolle solidez e forza ao cruceiro na súa parte principal e facendo xogo co inicio e final do varal que é cadrado. Tamén é único no remate de roseta de oito pétalos.
Deste tipo de cruces debe ser o único que atopamos no concello. Se cadra tamén ten que ver coa posible antigüidade do cruceiro, aínda que non dispoño de datos que avalen esta teoría miña.
CRUZ ANVERSO, O CRISTO:
Na parte superior unha cartela grande e estreita de INRI, ilexible totalmente. Cabeza lixeiramente entornada á dereita e afastada da cruz. Coroa de espiñas sobre ela. Ollos pechados. Barba e pelo moi traballados.
Brazos e corpo pegado á cruz. Mans semiabertas cun cravo en cada unha. Pano de pureza tamén moi logrado e anoado á dereita. Pé dereito enriba do esquerdo, cun cravo.
En xeral é un exemprar de Crucificado moi logrado, é moi expresivo.
CRUZ REVERSO, A VIRXE:
A Virxe representada é unha imaxe da Piedade. Ten unha forma case triangular contribuíndo a darlle dita forma o manto que cubre a testa e que baixa ata os pés, asemade é unha figura que malia levar o Cristo xacente no colo, é bastante plana. A posición da mesma é frontal. Nela podemos observar como colle o corpo do seu fillo morto sobre un sudario. Térmalle da testa coa súa man dereita e, coa esquerda, cóllelle a man.
Na parte inferior da imaxe, por debaixo do sudario, vense os pregues do vestido da Virxe e, asomando, os pés dela.
A imaxe está tamén pegada á Cruz.