Cruceiro do Aparral
Cruceiro do Aparral
Na parroquia do Aparral atopámonos con varios cruceiros, o exemplar do que vou falar é un exemplar de cruceiro novo, pois é do ano 2000 e vén substituir ao que había neste lugar situado perto deste.
É un cruceiro que está feito en pedra de granito e traballado moi finamente, moi posiblemente con corte de máquina nas pezas máis grandes, gradas, pedestal e varal.
O VARAL:
De sección cadrada achafranada (non moito) e con empece e remate totalmente cadrado para os encaixes.
É un exemplar que leva os símbolos da Paixón, de abaixo cara arriba: escada, espada, tenaces, martelo e tres cravos.
Tamén leva adornos romboidais metidos en rectángulos e con catro puntos nos ángulos. Estos adornos atopámolos nas catro caras, na parte superior baixo o capitel.
O CAPITEL:
Capitel dobre, na parte inferior é tronco piramidal invertido e escociado, na parte superior, é case cadrado, con volutas angulares ou esquinais simuladas con semicírculos concéntricos e venera (cuncha de vieria) no medio (en cada cara).
Ao ser un exemplar recente os xeitos do oficio variaron e as representacións non seguen os canons estabrecidos doutrora.
CRUZ ANVERSO, O CRISTO:
Feitura con liñas e aspecto moderno do Cristo, con cabeza erguida e un pouco afastada da cruz, ollos pechados, coroa de espiñas. Torso moi marcado. Leva pano de pureza atado con cordón ao lado dereito.
Tres cravos, dous nas mans que as leva moi pechadas e outro nos pés (o pé dereito sobor do esquerdo). Os pés van apoiados sobre unha peana que sobresae da cruz.
Cartela grande e con pregues nos extremos, coas letras INRI.
A figura semella pouco proporcionada en relación co tamaño da cabeza.
CRUZ REVERSO, A VIRXE:
Ao igual co Cristo as liñas e a feitura da imaxe da Virxe é modernista. É unha imaxe de Virxe en actitude orante, coas mans dereitas.
Vestido con pregues e pano dende a testa ata os pés, que non se lle aprecian por ir cubertos co longo vestido. A imaxe, de pequeno tamaño en relación coa cruz, mais non co Cristo, vai apoiada sobor dunha peana tronco piramidal cadrada e invertida.