Cruceiro do Freixo – I

Cruceiro do Freixo – I

Vista xeral do cruceiro do Freixo

A particularidade esencial deste cruceiro é que destaca polos mediorelevos da Paixón no pedestal, nas súas catro caras. Tamén por ser un cruceiro datado en finais do século XIX.

Vista da grada e do pedestal.

PLATAFORMA:

É cadrangular, de catro gradas. A primeira moi alta, case que o dobre das outras. Está feita en pedra de ollo de sapo e algo cimentada por riba, nalgunhas zoas.

Mediorelevos relativos ao Vía Crucis

O PEDESTAL:

Os mediorelevos relativos ao Vía Crucis, representan a Xesús coa Cruz ás costas, a caída, a flaxelación, e a axuda recibida camiño do Calvario. Van nas catro caras do mesmo e están moi ben conservados.

É un pedestal único nesta zona e no que se aprecian ben as representacións coma tamén a inscrición.

Varal.

O VARAL:

O varal é cadrado, no seu comezo e no seu remate, e logo octogonal, pois vai achafranado nas arestas e rematados os chafráns en puntas de frecha. Na base cadrada do mesmo leva unha inscrición, concretamente o ano no que foi erexido:

AÑO

DE

1899

 Na parte cadrada superior leva outra inscrición, que non está moi claro a que fai referencia, concretamente:

Nº 53

Pola parte frontal leva en mediorelevos, os símbolos da Paixón.

O seu tamaño non é moi grande, máis ben pequeno, polo que a altura está lograda grazas a altura das gradas, superior á doutros exemplares.

Está feito, xunto co pedestal e o capitel, en pedra de granito.

Capitel

O CAPITEL:

Leva un capitel de forma cadrangular, con ábacos curvilíneos nas esquinas e testas de anxos no centro entre as volutas esquinais. Os anxos van alados, chegando as ás, pola parte dabaixo, dunha voluta á outra. Non é un capitel moi grande, mais está en proporción co resto do conxunto. As ás, en comparación coas doutros cruceiros, son pequenas. E as caras dos anxos, labradas toscamente.

Detalle da cruz.

A CRUZ:

É unha cruz grega de sección octogonal. Leva os brazos rematados con rosetas.

Non é unha cruz moi grande, mais proporcionada en relación ao conxunto.

Imaxe do Cristo

CRUZ ANVERSO, O CRISTO:

É un Cristo de canón pequeno coma o resto do cruceiro. Inclina a testa –que vai coroada de espiñas- cara a dereita, enriba dela leva o letreiro ou cartela de INRI lexible, rectangular horizontal e estreito. Os ollos pechados e o pelo longo. As mans abertas cun cravo cada unha. Corpo pouco traballado, as costelas están suxeridas, e os pés cravados xuntos o dereito sobre do esquerdo. Leva pano de pureza, sen cordón, anoado á dereita.

Conserva restos de policromía no corpo e no pano de pureza, polo que é posible que no seu día estivese pintado.

Segundo as miñas informacións é unha reprodución do orixinal en cemento, pois xa hai anos, rompera a cruz. Polo que toda esta parte, Cristo, Cruz e Virxe, é unha reprodución en cemento do orixinal.

Imaxe da Piedade.

CRUZ REVERSO, A VIRXE:

A Virxe é unha representación da Piedade. É unha imaxe sinxela cun Cristo xacente, pequeno e en posición horizontal no colo.

O curioso é que leva as mans en posición de rezo e o Cristo dá a sensación de que vai apoiado nos seus xeonllos.

A imaxe vai apoiada nunha peana sinxela e circular.

OUTROS DATOS:

D. José Bellas, a persoa que mandou facer este cruceiro, era do lugar de O Seixo, tras do Caxado.

O construtor da base de dito cruceiro foi D. José Ramil Corral, do lugar de O Torrillón, no Freixo. O resto do mesmo foi feito en Ferrol.

Un forte vendaval tirouno e partiu a parte superior. A Cruz, está reconstruída con cemento. Reparouno D. Andrés Caaveiro do lugar da Igrexa.

CURIOSIDADES:

D. Victor Ramil Barja, contoume que cando pasaba a carón do “Cristo Vello” a súa tía Maripepa facíalle repetir:

Dulce Jesús de mi vida,

que en la Cruz estáis dormido.

En la vida y en la muerte,

¡Señor, acordaros de mi!

Ou tamén:

Adorámoste Cristo e bendecímoste

que por tu Santa Cruz venciste al mundo.

E relata o seguinte feito:

Había un matrimonio na parroquia e a muller estaba embarazada e morreulle o neno que agardaba. Como non estaba bautizado soterrárono, como era costume, ao pé do cruceiro. E pasado o tempo, a muller volveu quedar embarazada. O home tiña medo de que volvese outra vez morrer o neno sen bautizar. Entón un día que estaba coa muller, fixo por bautizar ao neno que aínda non nacera e fíxoo de palabra e botoulle auga enriba do ventre da muller. Pasou o tempo, houbo o parto e o neno tamén morreu. Como pola Igrexa non estaba bautizado, tamén o soterraron a carón do cruceiro. Pasou o tempo e cando o bo do señor ía para a súa casa, ao pasar por xunta do cruceiro, oía unha voz que lle dicía: - Padre, padriño, quítame de aquí! E o home como escoitara esto varias veces, decidiu ir xunta o cura e contarllo. E este díxolle: - Cando volvas a escoitar a voz dille “Non son teu, que son de dous!” E nunca máis volveu oir as voces dicindo que o sacaran de alí.