Historia
O MEMC inicia a súa andaina no curso escolar 1984/1985 no colexio público “Monte Caxado” das Pontes. Xorde dunha proposta plantexada polo mestre José María López Ferro ao claustro de profesores para a creación dun museo etnográfico no centro educativo.
Nun contexto de industrialización do municipio xunto coa creación dunha mina de carbón a ceo aberto, o patrimonio cultural etnográfico das Pontes estaba en risco de desaparición, polo que se pretendía con este museo tratar de salvagardar unha parte dos obxectos, útiles e ferramentas dos lugares que ían desaparecer, mantendo viva a lembranza dos seus propietarios e transmitindo ás xeracións máis novas os usos, costumes e tradicións dos seus devanceiros.
Un proxecto que foi moi ben acollido pola comunidade educativa do colexio Monte Caxado, profesorado, nais e pais, alumnado e persoal non docente. Deste xeito aos poucos foi medrando este proxecto de recuperación do noso pasado, que conta a día de hoxe con máis de 4.500 obxectos, 3.300 fotografías antigas e 2.700 documentos.
Chegada a hora da xubilación do director do MEMC, José María López Ferro plantexa a necesidade de dar continuidade ao proxecto museográfico nacendo así a Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado, declarada de interese cultural (Xunta de Galicia: orde do 21 de setembro de 2015) e de interese galego (Xunta de Galicia: orde do 9 de novembro de 2015).
A Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado ten por obxecto continuar co traballo do museo e xestionalo. Un museo que recolle o patrimonio etnográfico de Galicia e máis concretamente da comarca do Eume, especialmente do concello de As Pontes de García Rodríguez. Coa finalidade de poñer en valor a colección museográfica e dala a coñecer ao público en xeral, pois compoñen unha clara mostra do noso pasado máis inmediato como pobo, aínda que hai pezas doutros concellos veciños, doutras provincias galegas e algunha doutra comunidade. Ao mesmo tempo, a Fundación realiza tamén unha laboura de investigación e divulgación dos aspectos etnográficos das Pontes e da súa bisbarra.