Hórreo da Cova

Atopámonos cun exemplar do tipo “Vilalba” que xa debe ter os seus anos, mais mantense conservado, no lugar de A Cova, na primeira casa á man dereita, segundo se colle a desviación para O Aparral.

A sustentación é sobre muretes, sobre eles van as rateiras que son de lousa ou chanta; enriba a cámara, totalmente de madeira e cunha fita lonxitudinal. A cámara leva corredor no penal da entrada e viseira. Dos balaustres só se conservan as columnas dianteiras (os balaustres faltan). A cámara vai dividida en tres corpos por dúas columnas centrais, tamén de madeira. O teito é a dúas augas e de lousa.

O que máis chama a atención deste hórreo, ademais de ser do tipo “Vilalba” do que xa non quedan moitos exemplares é a súa policromía (temos algún que outro exemplar policromado, facíase para dar máis duración á madeira do hórreo). Ten dúas cores, vermella (aínda que xa parece castaña polo paso do tempo) e branca. Polos laterais da cámara alternan os cadrados dunha cor e doutra; e, na porta, un círculo que contén unha hexapétala (flor de seis pétalos) e, debaixo, cadrados vermellos e brancos. Non ten escaleira de pedra, polo que o acceso debíase facer por unha pequena escada de madeira, como se facía antigamente na maioría dos hórreos de madeira.