Hórreo da Vilavella

Trátase dun hórreo apoiado sobre muretes, cámara de madeira con dúas fitas horizontais, con corredor sen columnas, porta no penal da viseira, tornarratos ou rateiras de chantas escaleiras de pedra e a tres augas. Que, ademais, leva baixo o teito o lugar de curar os queixos. Case que todo isto levábame ao hórreo tipo “Vilalba” situado no complexo etnográfico da Vilavella. Como así era.

O curioso deste hórreo é que ten catro (tres agora) columnas que soportan o peso do hórreo no tornarratos. Penso que isto non era así orixinariamente e foron colocadas posteriormente para evitar que o hórreo caera cando as columnas da cámara xa ían deterioradas e non podían co peso. Se vos fixades na madeira da columna da cámara e da columna sobre o tornarratos, pódese ver como esta última é máis recente. De ser orixinarias estariamos ante un caso excepcional de hórreo, cunha variante non vista. O emprego destas columnas sobre os tornarratos sería un caso único, ou mesmo unha solución moi orixinal para manter o hórreo en pé. O inxenio galego…