Hórreo de Veiga

Unha das cousas que fixo o Museo Etnográfico e o C.P.I. Monte Caxado, foi tratar de salvar un exemplar de hórreo das expropiacións de Endesa, para que falando con directivos desta, un hórreo non se perdese e fose trasladado ao recinto do Colexio e colocado nel. A Empresa estivo conforme co que nós lle propoñíamos e despregou medios e persoal, fixeron unha cepa maciza onde se lle indicou dentro do recinto e trasladou o exemplar dun xeito moi estudado. O que foi e é de agradecer.

Máis tarde, outro Colexio, A Fraga, seguiu o noso exemplo e tamén salvou outro exemplar coa axuda de Endesa e hoxe está presente tamén no seu recinto. Ao pouco tempo, tres exemplares máis foron colocados na zona da Canle IV (amosareinos en futuras presentacións).

Foi un gran de area no medio dunha morea de area, mais cinco exemplares non desapareceron. Puido ter sido mellor e lograr salvar todos os que se perderon, mais as cousas non son como un quere e, ás veces, temos que conformarmos co que se acada e non co que se desexa.

Este exemplar de hórreo é do tipo “Cabanas” que, persoalmente, identifico máis co tipo “Moeche”. É un hórreo de cepa maciza, de tamaño medio, mixto (de madeira e pedra) e a catro augas. A cámara con doelas de madeira e dividida en dous corpos con columnas laterais centrais. O tornarratos é de pedra e vai facendo, ao mesmo tempo, de piso. A porta está nun dos penais. Leva tella no remate do tellado. A pedra é de toelo ou serpentina. (Non coñezo como era a súa sustentación orixinal, pero polo tornarratos parece que era similar, isto é, cepa maciza; non teño ningunha foto de como estaba no lugar de Veiga, o que si pedimos cando fixeron a cepa maciza e que non lle fixeran escaleiras de acceso por mor de que non subiran os nenos e caeran, pois está nun lateral do patio).