Hórreo do Caneiro
Temos outro hórreo moi interesante, pois é dos poucos que quedan no concello con sustentación de pés ou esteos de madeira. Atopeino hai uns anos no lugar do Caneiro e descoñezo se segue en pé.
É un exemplar tipo “Vilalba”, con viseira e corredor, máis sen columnas nin balaustres, de madeira (agás as rateiras e a cuberta) e que cando fixen a foto aínda era funcional e mantíñase ben.
A sustentación e de pés de madeira, as rateiras de chantas, a cámara de madeira e con tres divisións feitas por dúas columnas centrais de madeira (dúas cunha fita lonxitudinal e outra con dúas fitas lonxitudinais), leva a porta de acceso nun dos penais e debíase facer por medio dunha escada pequena. O teito é a catro augas e cuberto de lousas, o remate superior das mesmas cuberto de cemento.