Hórreo do Pazo

Trátase dun fermoso hórreo, dos que eu non tiña catalogados, e que me chegou pola xentileza de Dona Patricia Rivera á que lle agradezo me remitise a foto e os datos do mesmo.

É un hórreo de cepa maciza e mixto (madeira e pedra), co tellado a dúas augas. O tornarratos é de pedra. A cámara con dous corpos e columnas centrais de pedra, unha cinta central polo medio da cámara. Con porta nun dos penais (a que non se ve na foto) e con escaleiras de pedra.

O máis destacable neste hórreo son as sobrepenas, as pedras que van sobre os penais (porta e parte traseira) no tellado, son de pedra e danlle ao hórreo un aspecto de solidez e forza, ao mesmo tempo que lle aportan beleza na construción. Tamén é de destacar o remate do lousado, engarzando unhas lousas dun lateral coas doutro.

Dicir que é un hórreo que non encaixa nin no tipo “Cabanas” nin no tipo “Vilalba”, ten algo de ámbolos dous e, ao mesmo tempo, algo que non é nin dun nin doutro. Descoñezo se hai algún exemplar máis por esa zona deste tipo, pois estaríamos a falar dunha nova tipoloxía de hórreo nas Pontes.

Segundo os datos aportados por Dona Patricia Rivera, foi feito no ano 1896 e descoñece quen o fixo, posiblemente un bisavó (pola data).

Foi restaurado polo home de Dona Patricia hai uns anos, que fixo a réplica de tal e como estaba, reparándolle as partes danadas polo paso do tempo. Persoalmente penso que reparacións como esta son de felicitar, pois conseguiu unha boa restauración dun fermoso e rexio exemplar de hórreo.

Na foto tamén se pode apreciar o poste da luz, a sensibilidade das eléctricas co noso patrimonio é suprema. Isto mesmo o imos ver con cruceiros, pontes, reloxos de sol… Non se respecta o patrimonio e as leis parece que están para uns poucos.

O meu agradecemento a Dona Patricia Rivera.