Reloxo de sol de Marraxón de Arriba
No lugar de Marraxón de Arriba atopámonos con dous exemplares de reloxos de sol, un de forma cadrada e outro de forma prismática.
O primeiro está situado enriba do tellado da entrada dunha das casas alí existentes.
É un reloxo vertical, de forma cadrada, está feito en pedra de granito. Ten data na parte superior, aínda que non moi lexible, é de 1873. O gnomon é de ferro e de forma triangular. Foi movido da súa posición primeira e, se cadra, a inclinación que ten na actualidade tamén indica que non era a orixinal, pois está arrimado a unhas pedras no dito tellado. A colocación primitiva seguramente era nunha das paredes da casa.
Ten marcadas as horas, as medias e os cuartos.
É un exemplar de tipo ortomeridiano por ter a súa orientación cara o Sur.
Segundo as miñas últimas novas este exemplar xa non se atoparía neste lugar. Descoñezo o paradeiro.