Reloxo de sol da Faeira
Case no mesmo centro da Faeira, atopámonos cunha casa algo especial, pois apréciase en toda ela un elaborado traballo dos mestres canteiros e propiedade de D. José Mª Díaz Bouza.
O reloxo de sol está situado nun saínte que hai na parede de pedra que protexe ás escaleiras de patín que dá a entrada do andar superior da casa.
Este exemplar de reloxo é moi semellante ó de San Pedro do Eume e ó segundo de Marraxón, aínda que máis alto que ámbolos dous anteriores. Coma eles o material empregado é pedra de granito. Ten a mesma forma prismática, polo que estaríamos a falar doutro exemplar de reloxo cuádruplo.
O que máis destaca del é a súa base, pois é unha bonita obra de cantería que, a maneira de saínte, soporta o seu peso. É coma unha dobre base, na que a primeira e inferior está máis retirada, e a segunda e superior é a que sobresae. Toda ela traballada polo canteiro con diferentes molduras e, tamén, se tomou a molestia de darlle saída á auga da chuvia cunha canle traballada na pedra e verte-augas, nas dúas partes.
– Reloxo 1: Vertical meridional, parte frontal do mesmo. Marca de 6 da mañá ás 6 da tarde, con marcas de horas e medias, dentro dun rectángulo e cun gnomon metálico, fino, alongado e triangular. A numeración é arábiga moi desgastada e case que non se aprecian os números.
– Reloxo 2: Vertical occidental, parte lateral esquerda. Marca as horas, posiblemente, dende a 1 ás 7 da tarde, sen numeración visible e coas marcas horarias (en sentido oblícuo) bastante borrosas. Gnomon roto.
– Reloxo 3: Vertical oriental, parte lateral dereita. Marcas horarias máis visibles, restos de numeración arábiga e gnomon roto.
– Reloxo 4: Polar, na parte superior do prisma de pedra e con corte cilíndrico. Non se aprecian marcas horarias nin numeración.
Este reloxo é, en altura, o máis grande de todos os estudiados. Máis que o de San Pedro do Eume, aínda que máis estreito.