Reloxo de sol da Igrexa de Sta. María das Pontes
Este edificio da Igrexa Parroquial, foi modificado, na parte da súa fachada con ampliación da súa fronte, no ano 1965; sendo o párroco D. José del Río Seijo e o arquitecto, o ferrolán, D. Vicente García Lastra.
Situado na base do campanario, podemos atopalo segundo subimos polas escaleiras exteriores do mesmo, sito case na súa base (na cara Sur). É un reloxo vertical, de forma cadrada e feito en pedra granítica. Partiuse, máis ou menos, pola metade e logo foi restaurado. Conserva a súa posición orixinal. O gnomon era de ferro, e digo era pois hoxe en día só quedan restos na base do mesmo.
As raias das horas parten dun semicírculo, semellando ser raios saíndo do Sol. Tamén sinala, pois están marcadas, as medias. Con numeración arábiga, marca as horas dende as 6 da mañá ás 6 da tarde.
Non ten data visible do ano no que foi feito. Como dixen, está partido e restaurado nunha metade, probablemente partiu por mor da ampliación da fachada da Igrexa.
É o único exemplar que queda hoxe orixinario na nosa Vila, a única mostra de reloxo de Sol (probablemente do século XIX) que nos queda dentro do casco urbano, pois dos tres existentes noutrora, á vista só hai este, outro é de lousa e está gardado e, o terceiro, é algo viaxeiro.
Este exemplar está orientado cara o Sur, logo é un exemplar de tipo ortomeridiano.