Reloxo de sol de San Pedro de Eume
Baixando cara á igrexa de San Pedro de Eume, á man dereita atopámonos coa casa reitoral. Casa que nos seus tempos debeu ser unha casa forte pois así nolo amosa a súa construción e as súas dimensións, e que hoxe está dedicada a corte e galiñeiro. (Exemplo de como se estraga, abandona e vai perdendo, unha vez máis, parte do noso patrimonio arquitectónico e cultural).
Na parte traseira da casa, e nunha das esquinas, a do sur, ten un fermoso reloxo de sol, moi ben traballado en pedra de gran. É prismático cuadrangular e cunha base a xeito dun curto pé de copa octogonal.
O reloxo de sol é semellante ao II de Marraxón de Arriba, aínda que algo máis grande. É dicir, estamos ante outro exemplar de reloxo cuádruplo. está por tres das súas catro caras, marcando deste xeito as horas da mañá, as do mediodía e as da tarde. Na parte superior ten unha canle que lle permite chegar os raios do Sol e marcar as horas do mediodía.
- Reloxo 1: Vertical meridional, parte frontal do mesmo. Marca de 6 da mañá ás 6 da tarde, con marcas de horas e medias, dentro dun cadrado e cun gnomon metálico coa parte inferior algo curva. A numeración é arábiga.
- Reloxo 2: Vertical occidental, parte lateral esquerda. Marca as horas dende a 1 ás 8 da tarde, sen numeración visible. Gnomon recto.
- Reloxo 3: Vertical oriental, parte lateral dereita. Non hai gnomon e non se pode ver tal e como está situado, polo que non sei se ten numeración visible e marcas.
- Reloxo 4: Polar, na parte superior do prisma de pedra e con corte cilíndrico. Non se aprecian marcas horarias nin numeración.
Debía ter tres gnomons, dous semellantes e un diferente; só lle quedan dous: o da fronte e o da esquerda segundo se mira. Nas caras laterais os gnomons eran iguais e de forma rectangular (só queda un). As horas están marcadas paralelamente e de xeito oblicuo á base (marcando as da tarde). Na cara frontal, con gnomon diferente e case triangular, as marcas das horas saen todas do mesmo punto superior.