Reloxo de sol da Pedrafita

No lugar da Pedrafita atopamos un reloxo de sol de feitura cadrada, similar ao da igrexa parroquial de Santa María das Pontes e, así mesmo, similar ao de Marraxón de Arriba.

É un reloxo dos de tipo cadrado e vertical. Non ten data visible de feitura. O gnomon é de ferro e triangular, aínda que non de todo pois ten unha pequena prolongación rectangular no seu vértice. Moi seguro que non é gnomon orixinal, xa que non proxecta unha sombra correcta sobre as marcas das horas (como se pode apreciar na fotografía), a sombra é moi grosa e case non permite precisar a hora.

Ollándoo de fronte presenta na parte esquerda e de arriba a baixo os números arábigos 6, 7, 8 e 9. Na parte inferior e tamén de esquerda á dereita os números 10, 11, 12, 1 e 2. E na parte dereita e de abaixo a arriba os números 3, 4, 5 e 6.  É dicir, marcaría dende as 6 da mañá ás 6 da tarde. Presentando por medio de raias as separacións das horas, cuartos e medias.

É un exemplar de tipo ortomeridiano, orientado exactamente ao Sur.